Programa

Doce compromisos. É o momento. Cara á autonomía

01.

autonomía
leonesa

O noso autogoberno será a principal reivindicación que levaremos ao Congreso. A vontade da cidadanía —manifestada a través de mocións a favor da autonomía por parte de 70 xuntas veciñais e máis de 80 municipios, que representan o 60 % da poboación, xunto cunha moción aprobada pola Deputación de León— debe situarse no centro do debate político. ALANTRE actuará como a voz que garanta que este sentir democrático sexa escoitado polas institucións do Estado.

02.

Defensa do noso
territorio

A enerxía, as infraestruturas e os recursos naturais deben estar ao servizo das persoas que viven e traballan nas nosas vilas e aldeas. ALANTRE aposta por un modelo de transición ecolóxica xusta, no que a protección ambiental, a saúde ambiental e a sustentabilidade territorial se integren coa xustiza social e económica. A nosa terra non é unha «zona de sacrificio» en beneficio doutras partes do Estado ou de Europa.

03.

Salvagarda dos
servizos públicos

Garantir servizos públicos universais e gratuítos é esencial para combater as desigualdades sociais, educativas, sanitarias e laborais que están estruturalmente arraigadas en todo o noso territorio, especialmente nas zonas rurais, que sofren un proceso de envellecemento e están gravemente afectadas pola despoboación. Non pode haber xustiza social sen xustiza territorial; a sanidade, a educación, a vivenda e os servizos de coidados deben constituír a base para acadala.

04.

Protección dos dereitos
e liberdades conseguidas

Defenderemos os avances logrados nos eidos laboral e dos dereitos civís fronte a calquera retroceso, en particular os logros acadados polas mulleres, o colectivo LGTBIQ+ e outros grupos. Apoiaremos todas as medidas encamiñadas a evitar un posible retroceso democrático. Cremos nunha rexión leonesa plural e diversa, e na normalización e consolidación dunha sociedade leonesa inclusiva, solidaria e consciente da súa historia. Nin un paso atrás.

05.

Realización de todas as
infraestruturas pendentes

Esixiremos os investimentos necesarios para o noso desenvolvemento: a plataforma loxística de Torneros, o enlace ferroviario do Lazo del Manzanal, a ruta da Vía da Prata, unha terminal de carga no aeroporto, a integración da rede ferroviaria de FEVE, o soterramento das vías do tren en Trobajo del Camino e a construción das autovías cara a Braganza, a conexión Bierzo-Ourense e a León-Valladolid. Así mesmo, reclamamos a posta en marcha inmediata da rede ferroviaria e viaria do Corredor Atlántico, co fin de establecer conexións cos portos de Porto, Lisboa, Vigo e Xixón.

06.

Elaboración dun Plan de
desenvolvemento
e vertebración

Reclamaremos un plan estatal específico para León, Zamora e Salamanca, xunto co recoñecemento do Bierzo como rexión estratéxica. Non abonda con executar proxectos que levan anos atrasados; tamén é preciso reverter as tendencias negativas na poboación e na actividade económica mediante investimentos que aproveiten a nosa posición como encrucillada e nodo para o noroeste.

07.

Un Plan Estratéxico de
Mobilidade e Transporte

Que será acordado polos diversos niveis de goberno e baseado na eficiencia enerxética e na sustentabilidade ambiental. A conectividade da nosa rede de localidades e comarcas debe priorizar unha estrutura interconectada, en forma de malla. Rexeitamos ser tratados como cidadáns de segunda categoría, lastrados por unha mobilidade deficiente e desorganizada. Esixiremos a supresión das peaxes nas autoestradas do Huerna e Astorga-León.

08.

protección das nosas
linguas e da nosa cultura

Reclamaremos o cumprimento das recomendacións do Consello de Europa, así como da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, asinada polo Estado español. As linguas propias do territorio, o leonés e o galego, forman parte do noso patrimonio cultural inmaterial e deben ter prioridade nas políticas culturais. Do mesmo xeito, reclamaremos unha protección efectiva do noso patrimonio cultural. 

09.

Recuperación das das
nosas xuntas veciñais

Proporemos as reformas lexislativas necesarias para recuperar as xuntas veciñais perdidas, protexer o Concello Aberto, reforzar a autonomía das entidades locais menores e asegurar a defensa dos bens comunais, garantindo que a xestión do público permaneza nas mans dos que mellor coñecen o territorio.

10.

unha agricultura
e gandería fortes

Apoiar unha explotación extensiva e familiar, xunto coa creación de pequenas e medianas empresas industriais e de servizos. A poboación rural debe ter voz na ordenación do seu territorio e na xestión da súa riqueza natural; isto é fundamental para fixar poboación e manter a vitalidade do medio rural. Apoiaremos os agricultores e gandeiros nas súas relacións coa industria agroalimentaria e coas grandes cadeas de distribución.

11.

Un modelo de vivenda
adaptado á nosa realidade

A vivenda é un dereito, non unha mercadoría. Nunha provincia que perdeu 80.000 habitantes e conta con 90.000 vivendas baleiras, o Plan de Vivenda debe axustarse ás nosas circunstancias específicas. Revitalizar a nosa rexión é unha cuestión de xustiza social e equilibrio ambiental. ALANTRE propón un modelo no que cada vivenda baleira se converta nunha oportunidade para a vida.

12.

unha voz política propia

É o momento de abordar os nosos retos desde unha perspectiva arraigada na nosa propia realidade. Defendemos unha representación progresista y leonesista que antepoña os intereses de León ás directricesdos grandes partidos estatais. O noso dereito ao autogoberno non é aquí unha postura marxinal; estivo presente na axenda da rexión durante os últimos cincuenta anos e conta cun amplo apoio social. É hora de facernos valer.